Viveiro inaugura o 5 de decembro o belén de gran tamaño e a iluminación de Nadal

Viveiro inaugura o martes 5 de decembro o belén de gran tamaño Viveiro ante o berce e as luces de Nadal.
 
A alcaldesa, María Loureiro, explica que “Viveiro foi un Concello pioneiro en acender o alumeado coincidindo coa ponte de decembro, coa intención de alongar a campaña de Nadal e favorecer así ao comercio e ao sector servizos”. 

Ademais deste acendido das luces, inaugurase tamén o propio día 5 o belén Viveiro ante o berce, organizado polo Concello e financiado pola Deputación de Lugo a través dun convenio.

A concelleira de Cultura, Lara Fernández, sinala que este belén é “un referente a nivel galego, e como tal atrae a moitísima xente de toda Galicia que vén a Viveiro para velo, contribuíndo así tamén á dinamización do sector servizos”. 

Con motivo da inauguración desta instalación, situada como todos os anos nas inmediacións do atrio de Santa María, vaise ofrecer unha chocolatada gratuíta para todos os asistentes. 
 
O acto será ás 18:00 da tarde e contará coa actuación do coro do colexio Lois Tobío, dirixido por Iván Vale, que colabora coa inauguración do belén de xeito altruísta.