Volven en Ribadeo as Xornadas Mar por Medio. Serán do 16 ao 18 de setembro. A inscrición para participar ábrese o 20 de xullo.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, amósase satisfeita de que Ribadeo retome as Xornadas Mar por Medio, que se celebrarán do 16 ao 18 de setembro na vila. 

Otero Cabarcos declarou que “no Concello de Ribadeo estamos encantados de poder recuperar as Xornadas Mar por Medio, que terán lugar no auditorio municipal Hernán Naval o vindeiro mes de setembro. Desde o Concello sempre apoiamos estas iniciativas históricas e culturais”.

A Academia Xacobea, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago, a Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo, organiza as  XVII Xornadas Xacobeas Mar por Medio nas que estará presente e participará como conferenciante o hispanista británico John Rutherford, impulsor e difusor desta cita en anteriores edicións.

A inscrición para asistir ás Xornadas Mar por Medio abrirase o 20 de xullo na web da Academia Xacobea www.academiaxacobea.gal

Durante os tres días que durarán as xornadas haberá táboas redondas, unha exposición sobre a Ruta Xacobea e interpretacións musicais, todo relacionado co Camiño de Santiago e co fenómeno Xacobeo. A esta edición acudirán como conferenciantes persoas do  ámbito universitario, da comunicación, da cultura, da igrexa, da administración e da propia Academia, todas elas expertas coñecedoras e difusoras do mundo Xacobeo.