Xa está na rúa o cuarto número de A Gaceta Ribadense, o xornal que publica Faro Norte Comunicación con motivo do Ribadeo Indiano.

Xa está na rúa o cuarto número de A Gaceta Ribadense, o xornal ideado e deseñado por Justo García que publica Faro Norte Comunicación con motivo do Ribadeo Indiano. Nesta ocasión foron editados 4.000 exemplares de 32 páxinas, que se reparten gratuitamente nos case 90 establecementos colaboradores, en puntos de venda de prensa e polas rúas da vila ribadense durante o festexo.

Neste número da publicación hai artigos e entrevistas escritos por Antonio Fernández, Carlos Álvarez Lebredo, Pablo Rodríguez (Vivin), María José Fernández Azpeitia, Carmen Cruzado e Beni Mántaras. Ademais inclúense textos sobre o Ribadeo Indiano asinados polo alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde; e o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) de Ribadeo, Francisco Iriarte Quintana.

Na gaceta tamén poderán atopar outros contidos, como o programa completo de actividades do Ribadeo Indiano 2018 e un gran número de fotografías captadas durante diferentes momentos da celebración deste evento na edición do ano pasado.