A Xunta e a CEL convocan en Ribadeo unha xornada sobre os retos da industria e a innovación en Galicia e Asturias para o 30 de abril

A Xunta de Galicia e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) convocan en Ribadeo a xornada titulada Industria, emprego e innovación, un encontro para que empresas e administracións de Galicia e Asturias intercambien experiencias ante os retos similares que afronta este territorio. O delegado territorial, Javier Arias, participou este martes na presentación da cita, que terá lugar no centro de formación e experimentación agraria Pedro Murias, de Vilaframil, o 30 de abril, xoves, no marco do programa Conecta Lugo.

A Xunta explica que a xornada “estrutúrase en tres mesas redondas para expoñer as vertentes institucional, técnica e empresarial. Así, na primeira participarán os conselleiros responsables das áreas de medio rural e de industria nas dúas comunidades, María José Gómez e María Jesús Lorenzana por Galicia, e Marcelino Marcos e Borja Sánchez por Asturias, respectivamente. Na mesa empresarial intervirán representantes da cooperativa Clun, o grupo Central Lechera Asturiana, Gondan Shipbuilders, e Industrial Recense e OTM.  Por último, na mesa técnica exporanse liñas de axuda e outras medidas que impulsan ambas  Administracións”.

O delegado territorial da Xunta sinalou a importancia de “articular espazos nos que traballar e aprender uns dos outros para dar resposta aos desafíos actuais, especialmente aos que compartimos como comunidades veciñas periféricas de marcado carácter rural”.

Javier Arias tamén destacou o papel do programa Conecta Lugo “para achegarse ao tecido empresarial lucense e acompañar o seu crecemento, tanto a través de obradoiros e foros de debate como proporcionando asesoramento individualizado. A maior parte dos participantes son autónomos, micropemes e pequenas empresas”.