Xurxo Souto presenta o 20 de outubro en Foz o seu espectáculo "Cantigas para terrícolas" e o audiovisual "Dos gaiteros do mar".

O artista Xurxo Souto presentará mañá, venres, en Foz, o seu espectáculo titulado Cantigas para terrícolas e o audiovisual Dos gaiteiros do mar. Este acto, organizado pola biblioteca pública municipal, será ás 20:30 horas na Casa da Cultura focense e contará coa colaboración do grupo Os Larpeiros, de Foz.

A bibliotecaria municipal, María Jesús Álvarez Sánchez, explicou que “Cantigas para terrícolas propón, en formato de conversa e música, un achegamento á literatura do mar, a partir dos Contos do Mar de Irlanda, libro do que o propio Xurxo Souto é autor. Nesta obra, alén das testemuñas orais, escolma tamén outros moitos libros de temática oceánica. Na parolada anima os asistentes á súa lectura e, en xeral, á descuberta deste gran patrimonio descoñecido. Pois, como dixo Staffan Mörling: Galicia non é un fin da terra, é un centro do mar. Tamén haberá a proxección do documental Dos Gaiteiros do Mar, do que Xurxo Souto é codirector. Como colaboración sorpresa, contaremos con Os Larpeiros, que axudarán a descubrir cantigas do mar de Foz, porque nós tamén as temos”.

Esta actividade está dirixida a mozos e adultos e terá unha duración de 75 minutos.