A XXXIII Festa da Maruxaina celebrarase o 11 de agosto en San Ciprián. Haberá rúas pechadas ao tráfico e non se permitirá a acampada nin na vila nin na contorna.

O Concello de Cervo celebrará a XXXIII Festa da Maruxaina o sábado 11 de agosto. Ese día serán os actos centrais, pero xa o venres terá lugar a Pre-Maruxaina co gran chupinazo ás 19:00 horas, seguido da concentración de Maruxainos e Maruxainas na Praza dos Campos, onde haberá degustación de empanadas típicas galegas e bolos preñados. Ás 21:00 horas está previsto o nomeamento do Maruxaino e da Maruxaina de Honra 2018, a cargo da Asociación Amigos da Maruxaina.

Xa o sábado, 11 de agosto, será o día grande. Ás 11:00 horas está previsto o chupinazo ao que seguirá o ritmo das charangas e gaiteiros que irán animando as rúas do pobo. Haberá tamén un taller de cestería; e ás 12:00 horas todos Os Maruxainos e todas As Maruxainas xuntaranse na Prazoleta, para percorrer o pobo ao son do corno e das gaitas.

Ás 12:30 horas está contemplada no programa a actuación de Musicleta, que comezará na Praza dos Campos para despois continuar polas diferentes rúas.

Ás 19:00 horas haberá xogos populares na praia (carretilla, corda, carreiras de sacos…).

Ás 23:00 horas está previsto o desembarco da Maruxaina na Praia do Torno. Durante o traxecto as persoas asistentes poderán gozar dun espectáculo de fogos de artificio.

Ás 00:00 horas será o gran xuízo popular, seguido dunha degustación de balde de queimada na Praza dos Campos.

A continuación, as orquestras Montreal e Banda Norte poñerán o toque musical á Festa.

Solicitude de pases e restricións de tráfico
Desde o venres 10 de agosto, a partir das 15:00 horas ata o domingo 12, ata as 15:00 horas, por motivos de seguridade e co único fin de facilitar o bo discorrer da festa, o Concello de Cervo, a través da delegación de Seguridade Cidadá que dirixe José Ramón Soto, realizará modificacións e restricións no tráfico rodado de San Ciprián. 

En concreto estará cortado todo o acceso rodado na Avda. da Mariña, Rúas Aduana, Campos, Torno, Beiramar, Caosa, Hospital, Miramar, Anxuela, Coto e Penamea; Prazas do Lugar e Penal; e Zona do Porto de Arriba. Estes cortes terán a excepción dos vehículos con pase, de emerxencias, reparto e servizos municipais.

Desde o xoves, 9 de agosto, ás 23:30 horas, estará prohibido o estacionamento na Avda. da Mariña, Rúas do Torno, Beiramar e o aparcadoiro fronte á Casa do Mar.

As persoas residentes e aquelas que acrediten ter praza de garaxe nestas zonas poden solicitar o seu pase na Casa da Cultura desde o luns, 30 xullo ata o martes 7 de agosto, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Desde o Concello de Cervo e a Comisión organizadora da Maruxaina prégase compresión e piden desculpas por adiantado a toda a veciñanza polas molestias que estes cortes lles poidan causar.