O 21 de decembro terá lugar unha táboa redonda sobre "Abordaxe do botellón ante o consumo excesivo de alcohol na mocidade". Será en Ribadeo na Casa do Mar.

O 21 de decembro terá lugar unha táboa redonda sobre "Abordaxe do botellón ante o consumo excesivo de alcohol na mocidade". Será en Ribadeo na Casa do Mar.
 
A Concellaría de Servizos Sociosanitarios organiza unha táboa redonda para o vindeiro mércores, día 21, titulada Abordaxe do botellón ante o consumo excesivo de alcohol na mocidade. Terá lugar no salón de actos da Casa do Mar ás 20:00 horas con entrada de balde, e foi presentada hoxe no salón de plenos do Concello.
 
A responsable do programa de prevención de drogodependencias e outros trastornos aditivos, Mónica Fernández Lamparte, subliñou que “é unha característica fundamental na adolescencia a baixa percepción do risco, da o mesmo que sexa do hachís ou do alcohol. Ademais o alcohol é algo que os rapaces e rapazas ven moi normalizado porque como eles din, todo o mundo bebe. Bebemos os adultos, imos de viños ou de cañas, na casa bébese, entón non hai percepción do risco nin de que lles poida facer mal”.
 
Fernández Lamparte manifestou que “os rapaces cren que iso dun coma etílico ocórrelle a outros que non saben controlar. Eles saben controlar e entón é algo que lles ocorre a outros. Co tema do botellón, o que me din é que todo está moi caro, que nalgúns sitios non poden entrar e que prefiren reunirse e pagar as copas a medias. As zonas de botellón que hai en Ribadeo e en Burela son practicamente parecidas. Hai por temporadas, por épocas e hai certas zonas onde se fan a miúdo”.
 
A responsable do programa de prevención de drogodependencias dixo que “basicamente o problema dos menores é que para eles non hai percepción de risco en ningún tema”. Aínda que asegurou que “o consumo non é xeneralizado, hai moitos rapaces que fan outras cousas desde logo, que van ao cine ou que fan outras cousas. Non todos os menores de idade beben nin moito menos. A última vez que fixemos unha enquisa entre nenos e nenas de 15 anos, un 48% xa probara o alcohol, consumira alcohol no último mes. Sen os seus pais porque hai que distinguir cando un dá un trago o día de Noiteboa con papá e mamá ou cando se participa nestes encontros de grupo”.
Pola súa banda a concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, sinalou que “somos as nais e os pais o primeiro axente socializador dos nosos fillos. Posteriormente tamén influirán e ademais moito, a escola, as amizades e a sociedade. Por isto cremos a necesidade de coordinación entre a familia, a escola e os organismos públicos como neste caso o noso Concello”.
 
A edil nacionalista indicou que “se sumamos os nosos propios cambios como individuos e os cambios evolutivos dos nosos fillos e fillas, especialmente na etapa adolescente, ás veces atopámonos en situacións de conflito que non sabemos cómo xestionar. Por todo isto organizamos este evento con seis profesionais de todos os ámbitos, de maneira que todos e todas poidan dar a súa visión sobre o tema que nos preocupa, que é o consumo de alcohol na mocidade, especialmente en menores, e en concreto o fenómeno denominado botellón”.
 
Sonia Meilán anunciou que “estarán con nós nesa táboa redonda Manuel Isorna Folgar, que é doutor en Psicoloxía, técnico de prevención de drogodependencias no Concello de Catoira e profesor universitario en Vigo; Isabel López Seijas que é médica e directora do Centro de Saúde de Ribadeo no que traballa desde hai 27 anos; tamén Eva López Roca, xefa do servizo de Urxencias do Hospital da Costa; Susana Fernández Pernas, psicóloga clínica na Unidade Asistencial de Drogodependencias de Burela; José Ramón Fernández López, que é inspector xefe do grupo da policía autonómica de Lugo na área de Menores; e Ramón Peña Pérez, formador da Garda Civil na provincia de Lugo, experto en charlas coa mocidade nos centros de ensino”.
 
A edil indicou que “o título deste evento é Abordaxe do botellón ante o consumo excesivo de alcohol na mocidade. Será o vindeiro mércores, día 21, ás 20:00 horas no salón de actos da Casa do Mar. Vai dirixido a toda a poboación, aínda que especialmente a pais e nais, e comunidade escolar”.
 
O Concello ribadense quere “agradecer aos seis poñentes que veñan de maneira totalmente desinteresada, e algúns desprazándose dende moi lonxe”.