O Concello de Mondoñedo abre a tempada de visitas á Cova do Rei Cintolo en Semana Santa. Do 19 ao 28 de marzo poderase acceder en tres quendas.

O Concello de Mondoñedo abre a tempada de visitas á Cova do Rei Cintolo en Semana Santa. Do 19 ao 28 de marzo poderase acceder en tres quendas.
 
O Concello de Mondoñedo anuncia que o sábado día 19 de marzo iniciará as visitas á Cova do Rei Cintolo, que permanecerá aberta durante toda a Semana Santa. Ademais, o Goberno local explica que incrementan as quendas de acceso das fins de semana e as dos centros educativos, co obxectivo de aumentar o número de visitantes non só á cavidade senón tamén á localidade.
 
Durante a Semana Santa haberá tres quendas de acceso, as mesmas que haberá de venres a domingo a partir de abril, todas as fins de semana sen descanso. Os centros educativos poderán acudir cinco días laborais e non 3, como anteriormente. 
 
A rexedora, a popular Elena Candia, explica que o obxectivo do Goberno que preside é recuperar as máis de 1.500 que pasaron pola cova en 2006. “Imos polo bo camiño, xa que en 2015 conseguimos un lixeiro incremento”, explica.
 
O Goberno local é consciente da importancia dun recurso como a Cova do Rei Cintolo que, de xeito responsable, se vai seguir empregando como un reclamo para todos os que decidan achegarse a Mondoñedo.
 
A rexedora indica que a xestión do bipartito “foi tremendamente negativa” en relación coa cova e a súa difusión e aproveitamento, tal e como demostran os datos, perdendo investimentos e visitantes. 
 
No ano 2006 a cova recibiu 1.649 visitantes, mentres que durante o Goberno bipartito a cifra se reduciu drasticamente ata os 546 turistas. Desde a chega ao Goberno do PP apréciase un repunte con máis de 200 visitantes novos.
 
Novos horarios
Desde o sábado 19 de marzo ao luns 28 poderase acceder á cova en tres turnos: ás 12:00 horas, 17:00 horas e 18:30 horas.
 
A partir de abril a cova estará aberta todos os venres, sábados e domingos no mesmo horario. (12:00, 17:00 e 18:30 horas).
 
Os centros educativos poderán visitar a cavidade de luns a venres baixo demanda, dous días máis que antes. O prazo para inscribirse xa se atopa aberto e poderá tramitarse a través da Oficina de Turismo ou das redes sociais do Concello.