O grupo de montaña Pena Tallada, de Ribadeo, realizará un roteiro por Ibias (Asturias) o vindeiro 14 de marzo.

O grupo de montaña Pena Tallada, de Ribadeo, realizará un roteiro por Ibias (Asturias) o vindeiro 14 de marzo.
 
O grupo de montaña Peña Tallada, de Ribadeo, organiza un novo roteiro, que terá lugar o 14 de marzo a Ibias. Unha andaina que se desenvolverá pola Braña de Pedroso, entre Valdebois e Seroiro. 
Segundo explican os organizadores “esta fermosa andaina comeza cruzando o bosque de Valdebois, situado en plena Reserva de Muniellos, seguindo logo o curso do río Aviouga. A braña de Pedroso está construída nun pedregal con rochas do mesmo color, o que produce un mimetismo perfecto. Este é un dos recunchos menos visitados de toda a xeografía pero que ben merece unha visita que non defraudará. 
A ruta comeza na estrada que sobe ao porto de El Connio, collendo unha pista á esquerda que baixa a Valdebois. A pista, de cómodo andar, e con pouca pendente no seu primeiro quilómetro deixa á dereita o Pico dos Vales (1.136 m) para comezar unha frenética baixada facendo innumerables zigzags polo medio dun denso monte ata que cruza o río Aviouga e chega a aldea de  Valdebois (700 m).
Cruzamos esta aldea pola parte baixa para coller o antigo camiño que a une con Seroiro. Unha vez pasado Valdebois, o camiño non ten perda seguindo un trazo moi fácil sen apenas subidas e baixadas. Durante o percorrido, o río Aviouga ábrese paso polo fondo do val mentres camiñamos observando a frondosa vexetación así como os  restos de numerosos cortíns. Chegamos a un desvío (600 m) que sobe pola dereita, lugar onde temos dúas opcións.
De fronte, o camiño lévanos a Seroiro sen ningunha perda nin dificultade, pero si optamos por coller o desvío da dereita teremos que superar un forte desnivel duns cincocentos metros ata a braña de Pedroso (1.130 m). O camiño, aínda que pendente, lévanos ata a braña que está situada no medio dun tremendo pedreiro. Podemos observar como para a construción das cabanas non houbo que carrexar pedra, máis ben apartala para poder edificar. Partimos deste fermoso lugar para seguir subindo ata o cimbro superior do camiño (1.254 m) onde existe unha charca para o gando, aínda que seca no verán. O camiño segue agora en dirección noroeste seguindo as marcas do GR – 203.
Deixamos á nosa esquerda o pico de Entregoladas (1.428 m) aparecendo a braña de Folgueiras (1.300 m) con os edificios en ruínas. Chegado á braña o sendeiro xira á dereita para comezar unha pequena subida polo paraxe da Reboleira da serra de Valvaler. Logo de pasar o cimbro aparece ante nós uns chans onde se alberga a braña de Valvaler que posúe unha finca de prados cercados.
O camiño segue por Campalonga ata o cimbro do mesmo nome onde facemos un xiro á esquerda deixando unha pequena caseta a nosa dereita. Agora todo en baixada xa podemos ver o resto do percorrido que nos deixa no Alto de Valvaler (1.113 m), lugar onde remata a travesía, moi preto do porto do Pozo de Las Mujeres Muertas”.