O XVII Trofeo de Fútbol Vila de Foz enfrontará ao Rácing Club Villalbés e ao Deportivo B o vindeiro sábado, 8 de agosto.

O XVII Trofeo de Fútbol Vila de Foz enfrontará ao Rácing Club Villalbés e ao Deportivo B o vindeiro sábado, 8 de agosto.
 
A XVII Edición do trofeo de fútbol Vila de Foz celebrarase este próximo sábado, día 8 de agosto, ás 19 horas no campo Martínez Otero en nel mediranse o Racing Club Villabés e o Deportivo B. Así o anunciou o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, durante a presentación do evento celebrada hoxe, na que estivo acompañado polo presidente do CD Foz, José María García Rivera; e por Conchi Blanco, que é a xerente da empresa patrocinadora do evento: a casa rural e restaurante El Rincón de Anita.
O rexedor municipal comentou que o trofeo Vila de Foz “este ano vano disputar dous equipos ben queridos aquí na Mariña lucense e concretamente en Foz. Un deles é o Racing Club Villabés, da Terra Cha,  e o outro é o filial do Deportivo da Coruña, o Deportivo B. É un cartel interesante para o próximo sábado e dará comezo ás 19 horas”, recalcou o alcalde. “Agradecemos a colaboración entre o CD Foz e a comisión de festas, a asociación Sempre Foz, e tamén ao patrocinador, neste caso  Rincón da Anita, por este compromiso co deporte en Foz”, destacou Javier Castiñeira. 
Ademais o alcalde salientou o nivel dos contrincantes e o interesante encontro que poderán ver en Foz os amantes do fútbol: “é unha boa oportunidade para gozar dun bo partido de Terceira División e a verdade é que seguramente teñamos a posibilidade de ver moi bos xogadores con gran futuro e, sobre todo, aos xogadores do Deportivo B, que gran parte deles xa están adestrando co equipo de Primeira División. Agradecemos a presenza dos dous equipos, que o fan de maneira totalmente altruísta. Vailles servir para prepararse de cara ao próximo inicio da Liga e  desexámoslles aos dous moita sorte nesta próxima andadura”.