Pentatlón moderno, running e pesca á mosca nas xornadas formativas de Imdecum, que se desenvolverán do 19 de maio ao 2 de xuño.

Pentatlón moderno, running e pesca á mosca nas xornadas formativas de Imdecum, que se desenvolverán do 19 de maio ao 2 de xuño.
 
A Academia Imdecum abrirá a quinta edición das súas Xornadas do Deporte a vindeira semana con pentatlón moderno; arrincará o xoves 19 co viveirense Cristóbal Rodríguez e tamén acollerá relatorios de running e pesca a mosca. Así o deron a coñecer esta mañá no IES Monte Castelo de Burela, que acollerá a cita formativa ata comezos de xuño, o presidente da fundación mariñá, Marcelino Luna, e o director técnico deportivo, Alfonso Mera, acompañados pola directora do centro, Inés García, e o xefe do Departamento de Educación Física, Roberto Ramallal.
 
A iniciativa, que conta ademais coa colaboración da Deputación de Lugo e o IES Monte Castelo, está destinada a alumnado e titulados/as do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas do centro burelao, monitores deportivos e demais profesionais relacionados co deporte, así como a todo o público interesado.  
 
En 2015, as xornadas trouxeron á Mariña  surf, coa campioa de Europa Estitxu Estremo; fútbol gaélico, cos subcampións do mundo coa Selección Galega Alberto Méndez e Martín Fernández; fútbol, co técnico do RC Deportivo B e director da Escola Galega de Adestradores, Manuel Mosquera; e rally, co piloto Pedro Burgo.
 
 Xoves 19 de maio
 “Estudos e Deporte de Elite”
 IES Monte Castelo (Aula de Usos Múltiples), ás 17:00 h.
 D. Cristóbal Rodríguez Fidalgo (Pentatleta membro do equipo nacional español)
  
Xoves 26 de maio
 “Preparación dun corredor afeccionado”
 IES Monte Castelo (Aula de Usos Múltiples), ás 17:00 h.
 D. Simón González Río (Atleta corredor de maratóns)
 
 Xoves 2 de xuño
 “A Pesca como Deporte de Elite”
 IES Monte Castelo (Aula de Usos Múltiples), ás 17:00 h.
 D. David Arcay Fernández (Bicampión do mundo de pesca a mosca)