Ribadeo lembrará a Rosalía de Castro cun recital poético, cunha representación teatral e con música. Os actos, organizados polo Concello, terán lugar do 25 ao 27 de febreiro.

Ribadeo lembrará a Rosalía de Castro cun recital poético, cunha representación teatral e con música. Os actos, organizados polo Concello, terán lugar do 25 ao 27 de febreiro.
 
O edil de Cultura, Farruco Graña, contou que “este mércores, 24 de febreiro, celebramos o 179 aniversario do nacemento da nosa poeta máis universal, Rosalía de Castro. Ao longo desta semana, celebraremos varios actos para conmemorar dito aniversario. E imos comezar cun recital poético a cargo de Xavier R. Baixeras, dedicado a Rosalía: Lecturas rosalianas. Será na Casa das Letras, o 25 de febreiro, ás 20:30 horas. Tal e como xa temos gozado moitas veces da literatura da man do Clube de Lectura da A. C. Francisco Lanza, e tamén dos versos de Rosalía, da man do noso poeta e amigo Xavier, nesta ocasión, unha vez máis, a Casa das Letras vai dar acollida aos versos da poeta do Sar”.
 
O concelleiro nacionalista explicou que “xa o sábado 27, ás 20:30 horas, no Cine Teatro imos poder ver unha pequena peza teatral a cargo do Grupo de Teatro da A. C. Vagalumes (da Estrada), dedicada a Rosalía. Leva por título Daquelas que cantan. Nestes tempos nos que semella que nada novo hai embaixo do ceo, que mellor maneira de buscarmos novos sentimentos a través da arte feita palabra verso a verso. Da man de Vagalumes imos trasladar ata os nosos días a obra e o espírito rosaliano. Tamén presentaremos o manifesto da AELG con motivo do Día de Rosalía, e despois escoitaremos ao grupo Puntada sen fío, que coa súa música revivirá a figura de Rosalía”.
 
Na organización deste acto do sábado 27 colabora a A. C. Francisco Lanza, “que xa en varias ocasións realizou diversos actos de enxalzamento de Rosalía de Castro. Especialmente lembramos as Palabras no balcón dedicadas á Rosalía e o recital poético no que participamos as xentes de Ribadeo de toda condición orgullosos e orgullosas das verbas que trazan os versos da obra rosaliana”, engadiu Farruco Graña.