Vintecatro equipos de Asturias, Cantabria e Galicia participarán os días 25 e 26 de xuño no IX Torneo Nacional de Fútbol Sala Feminino Vila de Ribadeo.

Vintecatro equipos de Asturias, Cantabria e Galicia participarán os días 25 e 26 de xuño no IX Torneo Nacional de Fútbol Sala Feminino Vila de Ribadeo.
 
Os días 25 e 26 de xuño disputarase nos pavillóns municipal e polideportivo o IX Torneo Nacional de Fútbol Sala Feminino Vila de Ribadeo, que foi presentado esta tarde no salón de plenos do Concello. No evento daranse cita 24 equipos nas categorías alevín, infantil, cadete e senior. 
Na presentación participaron o concelleiro de Deportes, David Rivas, o presidente do Ribadeo FS, José Francisco Martínez, o técnico municipal de Deportes, Iván López, o secretario do Ribadeo FS, José Rodil, e un dos vocais do club, Elías Puente. 
 
O edil de Deportes dixo: “estamos a unha semana escasa da celebración, un ano máis, do Torneo Nacional de Fútbol Sala Feminino Vila de Ribadeo na súa novena edición. Debemos recoñecer o traballo que leva facendo todos estes anos o Ribadeo Fútbol Sala, porque somos conscientes do complicado que é sempre organizar un evento destas características; e máis aínda este ano en concreto cando, coa modificación da Lei do Deporte de Galicia, se esixe aos clubs que queiran organizar calquera tipo de torneo facerse cargo dun seguro que cubra a totalidade dos participantes que non estean con ficha federativa”. E subliñou que “aínda así este ano vai haber torneo de fútbol sala feminino, que ademais pensamos que é necesario desde o punto de vista deportivo, como podería ser calquera outro torneo, pero tamén desde o punto de vista de integración e de visibilización da muller no deporte. E desde o Concello en todo o que sexa camiñar nese sentido nosoutros estaremos aquí para o que faga falta”.
 
E o presidente do club organizador, José Francisco Martínez, lembrou que “o Ribadeo Fútbol Sala dende o 2008 ven organizando este torneo feminino de fútbol sala Vila de Ribadeo, que é un dos máis relevantes do norte de España. Por aquí pasaron equipos de Madrid, de Granada, de Pamplona, de País Vasco, Cantabria, Asturias e toda Galicia, con xogadoras que destacaron e destacan na Primeira División do fútbol sala feminino. O maior desexo da organización é que este torneo chegue a adquirir o carácter de internacional, posto que é algo que temos pendente desde a primeira edición”.
 
Martínez contou que “nesta novena edición contamos cun total de 24 equipos, 3 deles alevíns, outros 3 infantís, 6 cadetes e 12 sénior, que pertencen ás comunidades de Cantabria, Asturias e das catro provincias galegas”. E tivo palabras de agradecemento para “o Concello de Ribadeo, tamén á Deputación Provincial de Lugo, á Xunta de Galicia, a Acisa Ribadeo e aos establecementos que aparecen no cartel pola súa colaboración, sobre todo nesta edición que se nos pon un pouco máis costa arriba debido á normativa que puxo a Xunta de Galicia a través de Deporte Galego pola seguridade dos xogadores e das xogadoras”.