As Festas do Oito, de Ferreira do Valadouro, están en marcha ata o 12 de setembro.

As Festas do Oito, de Ferreira do Valadouro, están en marcha ata o 12 de setembro.
 
As Festas do Oito de Ferreira do Valadouro, organizadas polo Concello, botaron a andar este luns, día 31 de agosto, coa XXX Semana do Teatro e reunirán ata o 12 de setembro actuacións de orquestras, cine ao aire libre e actividades infantís. 
A Semana do Teatro, que chega nesta edición aos seus 30 anos, contará coa presenza de cinco grupos de teatro afeccionado entre o 31 e o 4 de setembro, todos de balde e ese día 4 ás 22 horas na Casa da Cultura de Ferreira Ramón Gasalla pronunciará, no mesmo lugar, o pregón de inicio das festas.
O 5 de setembro a Asociación Cultural Amado Lar ofrecerá ás 22 horas na Praza de Santa María unha exhibición de zumba e o 6 de setembro o Pavillón Polideportivo Municipal acollerá outra de bailes de salón, tamén ás 22 horas.  
O 8 de setembro celebrarase misa solemne ás 12:30 na igrexa parroquial de Santa María e á noite, ás 22:30 horas, proxectarase a película A Esmorga na praza de Santa María.
O 9 de setembro comeza a programación das verbenas co grupo Fénix. Durante o día haberá tamén misa solemne ás 12:00, seguida de procesión amenizada pola Banda de Música de Ortigueira. Esta mesma banda será a encargada de ofrecer un pasarrúas por Ferreira dende as 11 da mañá. 
O 10 de setembro ás 22 horas o grupo folk Ribas de Sil ofrecerá un concerto, patrocinado pola Deputación Provincial, seguido do espectáculo de Matiné, un tributo aos clásicos dos anos 80 e 90. A cita é no aparcamento municipal, fronte á piscina.
O día 11 ás 14:30 horas os valadourenses poderán gozar coa sesión vermú do grupo Atenas, que repetirá á noite na verbena, xunto a Sintonía de Vigo, na Praza de Santa María.
O 12 de setembro comezará o día coa sesión vermú a cargo do grupo American Top. Pola tarde, dende as 16 horas, o parque infantil Diverneno traerá tobogáns de auga, toro mecánico ou moto GP para goce dos máis pequenos. Ás 20 horas será a quenda da Mostra Folclórica de Amado Lar e ás 22:30 horas dará comezo a última verbena das festas,  que xuntará na Praza de Santa María ao grupo American Top e a orquestra Claxxon.