Ilustracións
21/04/2022
O domingo, 24 de abril, ás 12:00 da mañá estará na Libraría Bahía, de Ribadeo, o autor e ilustrador asturiano Alex Meléndez para presentar a súa obra dedicada ao público máis pequeno e editada por La Maleta Ediciones.
Segundo explican desde Libraría Bahía “poderemos escoitar as súas historias e mostrará á cativada a súa arte como ilustrador, dando vida cos debuxos aos personaxes e situacións dos seus libros”.
E engaden: “trátase dunha magnífica oportunidade para que a xente máis pequena da casa escoite e coñeza de primeira man a un autor deses libros que fan as súas delicias”.
07/07/2016
A Casa da Cultura de San Ciprián acolle unha exposición de ilustracións realizadas polo burelao Héctor Manasé. A mostra, titulada Amagos de Jus, foi inaugurada onte e poderá visitarse ata o día 29 deste mes.
No acto inaugural participaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e os concelleiros Dolores García, Manuela Méndez e José Ramón Soto.
Héctor Manasé naceu en 1984 en Burela e estudou fotografía e vídeo en Oviedo, pero ademais é un entusiasta do debuxo. Nas súas ilustracións gústalle humanizar aos animais, o místico e máxico, o mundo do mar e case sempre engade unha pincelada de humor.
27/04/2015
Ata o 30 de maio poderase ver na Librería Bahía, de Foz, a exposición da obra Tac, tac, tac, plof da ilustradora Minia Regos, que hai uns días impartiu un obradoiro nesas instalacións.
Minia Regos naceu en Pontevedra e cursou Belas Artes na Universidade de Vigo. Ilustrou, ademais do álbum que poderemos ver na Librería Bahía, outros libros de éxito como Casas de Paula Carballeira ou Kafka e a boneca viaxeira de Jordi Serra i Fabra.