Proxecto Ríos

21/09/2024

O Proxecto Ríos, iniciativa da organización ecoloxista ADEGA, convoca un curso formativo orientado a profesorado con ganas de facer actividades de educación ambiental sobre os ríos canda ao seu alumnado. Será o día 2 de outubro, mércores, no IES Plurilingüe San Rosendo, de Mondoñedo, de 16:30 a 20:00 horas.

O obxectivo desta formación é facilitar ferramentas ao profesorado para que poida desenvolver actividades de coñecemento dos ecosistemas fluviais, así como da fauna e flora dos ríos, desde un enfoque práctico. O curso contará cunha charla para coñecer o proxecto, unha saída a carón do rego de Valiñadares para a recollida de mostras de macroinvertebrados e a súa posterior identificación para determinar a calidade ecolóxica do río.

A inscrición é gratuíta para esta actividade que financia Augas de Galicia.