A asociación CCH de Viveiro e Prato-Do poñen en marcha unha nova campaña de colaboración co cine local

Desde o CCH de Viveiro explican que “continuamos ca colaboración que xa ven sendo habitual con Cines Viveiro e Prato-Do.Cada edición que poñemos en marcha convértese nun éxito de participación por parte do público, ten moi boa acollida tanto polos peques da casa como dos pais como dos colexios”. 

O obxectivo segue a ser o de poñer en valor o cine, e achegar a cultura cinematográfica ós mais novos, pero sempre desfrutando dende unha butaca de sala de cine e nunha gran pantalla. 

Por este motivo, o CCHV, a Asociación Prato-Doe Cines Viveiro continúan a sumar forzas para acadar a visibilidade que merece o esforzo que conleva ter películas de primeira, estreas ó mesmo tempo que no resto do territorio nacional, nun cine local. 
Serán vales desconto de 2€ para poder ver, nesta ocasión 4 películas de animación e aventuras a escoller: “Minecraft”, “El Dia que la tierraExplotó”, “Una Noche en Zoopolis” e “El Casoplón”.  

E sinalan: “imos poñer en marcha a promoción unha fin de semana para Viveiro e outra fin de semana para a Mariña Occidental. Polo que haberá vales tanto para o 10 e 11 como para o 17 e 18 de maio.Na primeira fin de semana poderanse beneficiarse a nenas e os nenos dos colexios de Viveiro e na seguinte fin de semana serán os nenos e as nenas dos colexios da Mariña occidental”. 

Para a primeira fin de semana os vales serán entregados nos colexios de Viveiro,  CEIP de Celeiro, CPR Plurilingüe Landro, EEI San Roque, CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo, CEIP Plurilingüe de Covas e o CEP Lois Tobío, e na segunda fin de semana serán entregados nos colexios CEIP Plurilingüe Virxe do Carme e Vista Alegre de Burela, CEIP Península da Paz e CEIP de Cervo, CEIP do Vicedo e CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove, chegando así a outros colexios da comarca. 

Desde o Centro Comercial Histórico de Viveiro subliñan: “é importante recalcar que é necesario entregar o vale físico en taquilla para que se poida aplicar a promoción. Se acude un núcleo familiar e os rapaces entregan os vales, tamén se lles aplicará o desconto ó resto de membros desa unidade familiar. Así pois, o desconto será directo ó presentar o vale en taquilla, pero tamén se pode canxear previamente ó comprar a entrada online en www.cinesviveiro.com cas indicacións que figuran no propio vale, este sistema é moi rápido e sinxelo e garante que xa tes o teu sitio reservado ó chegar, aínda que no momento de entrar non exime de entregar igualmente o vale na entrada. O aforo é limitado e por iso se recomenda o sistema de sacar a entrada online. Igualmente, o cine abrirá as súas portas 30 minutos antes do inicio da sesión para que a xente poida ir con tempo e así intentar evitar as esperas”.  

E engaden: “o cine está en funcionamento con películas tódalas fins de semana, estreas aquí ó ladiño da casa e que podemos aproveitar para vivir experiencias xunto ós nosos. Apostamos por crear sinerxías entre sectores e axudar á recuperación do sector audiovisual. O éxito das pasadas convocatorias fainos repetir novamente esta colaboración a 3 bandas e estendela por outras poboacións da comarca”.