Sante, en Trabada, celebrará o seu primeiro Descenso de Carrilanas o 24 de maio

A Xunta de Galicia colabora coa Asociación de Veciños San Xulián de Sante (Trabada), na organización do I Descenso de Carrilanas, que se celebrará nesa parroquia o sábado 24 de maio.

A proba foi presentada este mércores nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o presidente da entidade organizadora, Miguel Linares, entre outros.

A Xunta anuncia que “a xornada festiva inclúe tamén unha comida popular con paella no pavillón polideportivo, aberta a todas as persoas interesadas. O custo xeral é de 20 euros, de 18 para socios e participantes, e gratuíta para os menores de seis anos. As inscricións para as distintas actividades estará aberta ata o 21 de maio, e poden formalizarse no Teleclub de Sante ou ben por teléfono chamando ao 636.024.263. Os organizadores prevén reunir arredor de 80 participantes”.

O Descenso de Carrilanas de Sante puntúa para a Copa de Galicia e discorrerá por un itinerario de 2,467 quilómetros, con saída no barrio do Castro e chegada xunto á igrexa de San Xiao de Sante. Comezará ás 16:00 horas cos adestramentos oficiais e a continuación disputaranse as dúas baixadas cronometradas. Entregaranse premios aos tres mellores tempos da clasificación xeral e tamén aos tres mellores de cada categoría, atendendo á distribución establecida pola Federación Española de Deportes de Inercia en base ás características dos diferentes vehículos. Ademais concederase un premio especial ao participante máis rápido e outro ao máis espectacular.