As XVIII Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño celébranse os días 12 e 13 de maio en Mondoñedo e Abadín

As XVIII Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño desenvolveranse os días 12 e 13 de maio, luns e martes, nos concellos de Mondoñedo e Abadín. Este evento celébrase “en conmemoración do décimo aniversario da declaración de Patrimonio da Humanidade dos Camiños de Santiago do Norte e de arroupa ao proxecto Da Catedral de Mondoñedo a Catedral de Santiago de Compostela”, explica a organización.

As actividades comezarán o luns 12 maio no salón de actos do IES San Rosendo. Ás 16:30 horas terá lugar un saúda inaugural, no que participarán o director IES San Rosendo, os alcaldes de Mondoñedo e Abadín e o presidente da asociación Abrindo Camiño, José Luis Fernández Ansedes. A continuación haberá unha charla coloquio con proxección de audiovisuais: Análise actual e DAFO dos Camiños de Santiago do Norte; O Albergue La cabaña del Abuelo Peuto (Cantabria), un exemplo de hospitalidade; e A Catedral de Mondoñedo Patrimonio Mundial, un fito no Camiño do Norte. Participarán Fernando García Cardiñanos (bispo da diocese Mondoñedo-Ferrol); Ildefonso de la Campa Montenegro (director da Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, da Xunta de Galicia); Valeriano Teja Oruña e Bernardo Lucas Pérez-Peña (presidente e vicepresidente da Agrupación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago do Norte -País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia-); e Marcelo Scapinachis (membro da Asociación O Camiño Norte-De Catedral A Catedral). Ademais haberá unha actuación musical da cantautora Bea a de Estrella.

E o martes 13 na catedral de Mondoñedo ás 09:30 horas farase unha visita guiada ao SICB Catedral e ao Museo Diocesano de Mondoñedo. Ás 10:30 horas comezará unha peregrinación a pé polo Camiño Norte dende a Praza da Catedral de Mondoñedo ata a Praza do Concello de Abadín. Ás 14:30 haberá degustación duns petiscos no Pavillón da Feira de Gontán e despois disputarase un torneo da chave. Durante o percorrido faranse paradas no Centro da Natureza do Vilar (Mariz) e na Área de Servizo do Rei das Tartas, en Galgao (Abadín). O servizo de Protección Civil acompañará aos peregrinos nesta andaina.