
O Concello de Cervo programa para este verán unha nova edición do programa Cervo Concilia, que arrincará o luns 23 de xuño.
Este programa municipal, totalmente gratuíto, “está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e componse dun completo calendario de actividades multidisciplinares, educativas e lúdicas, adaptadas ás diferentes franxas de idade, pensadas fundamentalmente para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante os meses de verán; pero tamén para entreter ás crianzas neste tempo de lecer, sen deixar de lado a aprendizaxe. Prolongarase durante todo o período de vacacións escolares, en horario de 8:30 a 14:30 horas”, explica o Concello de Cervo.
As inscricións están a disposición das familias na Casa da Cultura de San Ciprián e na Casa do Concello. O prazo para anotarse remata o 16 de xuño.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destaca: “con este programa, tan arraigado xa no noso Concello, buscamos dar resposta ás necesidades das familias durante o período estival, ofrecendo un espazo educativo, divertido e seguro para as crianzas mentres os pais e nais traballan. É pois unha aposta decidida pola conciliación e pola igualdade de oportunidades, garantindo que todas as familias de Cervo teñan acceso a este servizo sen custo ningún”.