
A oitava edición da Foliada A Chocolateira celebrarase na Pontenova esta fin de semana, o venres 6 e o sábado 7 de xuño. Está organizada pola asociación Eco das Minas, que anuncia que haberá “obradoiros, xogos tradicionais, mercadiño artesanal e concertos para todas as idades. Unha xornada para bailar, cantar e disfrutar da música e da cultura tradicional”.
A VIII Foliada comezará o venres ás 19:30 horas coa actuación de A Chocolateira. Ás 20:00 horas terá lugar a proxección do documental Lévame a Idea, que “reivindica cunha óptica feminista o papel fundamental das mulleres na preservación da poesía, o canto e a cultura popular de Galicia, piar esencial da nosa identidade colectiva”. É unha produción de Navíos e Folerpas dirixida por Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso.
O sábado abrirase o mercadiño artesanal e a taberna ás 11:30 horas. A continuación haberá un baile tradicional con Adrián Méndez, do grupo De Ninghures. De 13:00 a 14:00 horas, música e baile con A Chocolateira. Seguidamente terá lugar unha sesión vermú amenizada polo grupo A Tropical Eonaviega.
As actividades continuarán ás 17:00 horas con billarda e xogos tradicionais, a cargo de Troitas Bravas e Xotramu. Ás 18:00 horas Peter Punk Pallaso ofrecerá o espectáculo Con Lingua Propia. Ás 19:30 haberá música tradicional e a partir das 22:00 horas, concerto de Fiandola. O evento rematará cunha foliada aberta.