
Academia A Mariña, de Burela, acollerá o martes 17 de xuño unha sesión informativa sobre o novo marco de colaboración entre empresas e entidades de formación no ámbito galego. A cita está organizada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración con CECAP.
Desde a organización explican que “estas xornadas teñen como obxectivo dar a coñecer as novidades do programa de Accións Formativas para Desempregados (AFD), así como facilitar un espazo de diálogo entre o sector empresarial e os axentes implicados na formación para o emprego”.
A xornada dará comezo ás 10 da mañá nas instalacións de Academia A Mariña, en Burela. Haberá unha exposición por parte da Consellería sobre as novas convocatorias do programa AFD, unha mesa redonda con participación de empresas e entidades de formación; e un espazo de café-networking para intercambio de impresións e xeración de contactos.
A participación empresarial é clave para aliñar as accións formativas coas necesidades reais do mercado de traballo. A súa asistencia contribuirá a fortalecer esta conexión e a mellorar o acceso ao talento cualificado.