Cervo acollerá o Campionato Galego Alevín de Natación os días 21 e 22 de xuño

O concello de Cervo será o escenario esta fin de semana, sábado 21 e domingo 22 de xuño, do Campionato Galego Alevín de Natación de verán, unha das citas máis destacadas do calendario autonómico para as categorías base, que reunirá a 246 nadadores e nadadoras de 25 clubs de toda Galicia.

A organización do evento vai da man da Federación Galega de Natación e do Club Natación Xove, co apoio dos concellos de Cervo e de Xove, e da Xunta de Galicia, “nun exemplo claro de colaboración institucional e deportiva na comarca”, destaca o Concello de Cervo, que engade: “ao longo de catro sesións competitivas, durante o sábado e o domingo, a nosa piscina municipal acollerá un evento que non só supón unha grande oportunidade para a mocidade do deporte galego, senón que tamén pon en valor unhas instalacións municipais de referencia, perfectamente preparadas para acoller eventos oficiais de alto nivel”.

Na presentación oficial do campionato, que tivo lugar este venres nas instalacións de Lieiro, participaron a alcaldesa, Dolores García Caramés; o edil de Deportes, David Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión; o vocal do CN Xove, Bernardo Rouco; e a tenente de alcalde do Concello de Xove, Dolores Meitín.

A alcaldesa de Cervo destacou “a importancia de apoiar o deporte base e de aproveitar sinerxías con entidades da bisbarra como o CN Xove e co concello veciño de Xove, que fan posible a celebración dun evento desta envergadura. Ao mesmo tempo este campionato permite amosar a calidade e funcionalidade da nosa piscina municipal, un espazo que segue a consolidarse como referencia na Mariña e tamén a nivel galego, como así o constatan este tipo de competicións autonómicas que atrae con carácter periódico. O evento agarda tamén atraer a numerosas persoas, entre deportistas, familiares e afeccionados, xerando un impacto positivo na hostalaría, comercio e turismo local durante toda a fin de semana”.