A obra de Xosé Vizoso volve a Burela cunha exposición na Casa da Cultura ata o 24 de xullo

O Concello de Burela acollerá ata o día 24 de xullo, na sala de arte da Casa da Cultura, unha nova exposición da obra do artista gráfico Xosé Vizoso.

O Concello de Burela anuncia que “o artista gráfico, nado en Mondoñedo e finado no pasado mes de febreiro, volve deste xeito á vila mariñeira nunha mostra que estará dispoñible para a súa visita durante un mes”.

Este martes, 24 de xuño, será a inauguración da exposición ás 19:30 horas. O horario de visitas será de luns a venres entre as 11:00 e as 13:00 e entre as 18:00 e as 20:00 horas.

A veciñanza de Burela e visitantes poderán coñecer de preto a obra do mindoniense ata o vindeiro día 24 de xullo. Esta impulsada por Arraianos Producións, o Concello de Burela, a Deputación de Lugo e a Rede Museística Provincial de Lugo.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, convida aos veciños e veciñas a "desfrutar unha vez máis da obra deste destacadísimo artista da Mariña, coñecido entre outras moitas cousas por ter sido un dos principais deseñadores de Sargadelos".

Ademais do seu labor en Sargadelos, encargado da conceptualización das pezas de cerámica, tamén é coñecido polo seu traballo na restauración da Catedral de Mondoñedo entre outros moitos.