
Acisa Ribadeo repartirá vasos de plástico ríxido reutilizable como recordo conmemorativo do X Ribadeo Indiano. Trátase de 15.000 recipientes serigrafiados. Na presentación participaron a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Acisa.
A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado, indicou que “Acisa coorganiza xunto ao Concello o Ribadeo Indiano, cita na que nos implicamos de xeito especial, xa que se trata dun evento que cada ano se fai máis importante para o comercio e a hostalería ribadense, e que xera unha actividade económica inigualable. Todos os negocios están agardando por esta fin de semana e prepáranse para atender da mellor forma posible aos milleiros de persoas que do 11 ao 13 de xullo se achegarán á nosa vila. Por iso cada ano, desde a organización do Ribadeo Indiano, tentamos ir a máis e poñemos en marcha iniciativas como a que hoxe damos a coñecer: os vasos do Ribadeo Indiano, que son un auténtico reclamo”.
O xerente da asociación, Jesús Pérez, explicou, que “por iso un ano máis imos repartir de xeito gratuíto 15.000 vasos de plástico irrompible de 600 cc, reutilizables, lavables e de materia prima 100% reciclable, que nace do compromiso da asociación cos nosos socios e socias, neste caso do sector da hostalería, xa que queremos que poidan repartir entre os seus clientes un recordo do Ribadeo Indiano. Somos conscientes ademais de que esta fin de semana os hostaleiros sofren unha perda importante de vasos de cristal, polo que poñemos á súa disposición un xeito de evitalo, ademais de traballar no compromiso de manter as rúas limpas e para evitar cortes ou accidentes innecesarios. Tamén queremos amosar o noso compromiso co coidado do medio ambiente. Este ano ademais aumentamos a cifra de vasos pasando dos 10.000 do ano pasado a os 15.000 neste 2025”.
Cruzado Iglesias dixo que “estes vasos, que poñemos a disposición da hostalaría local asociada a Acisa, están pensados para quedar de recordo nas nosas casas, cun deseño precioso, que recolle a esencia do Ribadeo Indiano. Os vasos deberanse recoller nas oficinas de Acisa ata este venres, 4 de xullo, en horario de 9:00 a 14:30 horas na oficina da nosa asociación na rúa San Roque. Quero agradecer expresamente a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que cofinancia dita acción”.
Na presentación participaron o deputado responsable da Área de Rural, Mar e Mocidade, Dani García, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, e o concelleiro ribadense Pablo Vizoso.