
Barreiros acollerá un curso de apicultura orientado a mellorar a xenética dos apiarios, impulsado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Esta actividade, impartida por persoal da Casa do Mel de Goente, desenvolverase os días 7, 8, 9, 11, 12 e 13 e contará cunha parte teórica -na Escola de San Cosme de Barreiros o día 7 e na Escola de Celeiro de Mariñaos o resto dos días- e outra práctica, nas que se ofrecerán coñecementos sobre selección de abellas e técnicas de reprodución.
O deputado provincial de Rural, Daniel García, explicou: “seguimos apostando pola formación para impulsar unha actividade que ten unha marxe de mellora e de desenvolvemento importante e que incide na diversificación produtiva e no mantemento do territorio”.
Como complemento á formación práctica, as apicultores e apicultores que participen no curso levarán unha raíña virxe para poñer en práctica nas súas colmeas os coñecementos adquiridos. A asistencia require inscrición previa no enderezo casadomel@vodafone.es ou no teléfono 661.00.36.16. Ofrécense un máximo de 20 prazas.
O curso, que conta coa colaboración do Concello de Barreiros, inclúese na segunda edición do programa de formación en apicultura, impulsado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, para apoiar o desenvolvemento desta actividade e que chegará ao longo do ano a diferentes localidades da provincia.