O Deportivo da Coruña e o Real Oviedo disputarán o LXXIV trofeo de fútbol Emma Cuervo o 6 de agosto en Ribadeo

O vicedecano dos trofeos futbolísticos de verán en España, o ribadense Emma Cuervo, disputarano nesta ocasión o RC Deportivo da Coruña e o Real Oviedo. Ambos equipos enfrontáronse por última vez en Ribadeo no ano 2016, cando o Depor se impuxo por 2-0. Trátase dos dous clubs máis laureados do Emma Cuervo: o Real Oviedo conta con 40 participacións, logrando gañar en 17 ocasións; e o RC Deportivo da Coruña con 18, conseguindo o título en 10 delas. O LXXIV Emma Cuervo terá lugar o día 6 de agosto, mércores, ás 19:00 horas no campo municipal Pepe Barrera.

Os prezos das entradas serán de 20 euros para as persoas maiores de 15 anos e de 5 euros para nenas e nenos de 8 a 15 anos. Os menores de 8 anos accederán de xeito gratuíto.

As entradas poderán mercarse en varios puntos en Ribadeo: cafetería Rosa Lar, DeLira Gastronómica, Cienfuegos Bar e restaurante O Lar de Manolo e nas billeteiras do Pepe Barrera o mesmo día do partido.