O documental “O Vello Pancho, de Ribadeo ao Plata” preséntase este xoves, 10 de xullo, no Museo do Mar, de San Cibrao (Cervo)

O documental titulado O Vello Pancho, de Ribadeo ao Plata proxectarase no Museo Provincial do Mar, de San Cibrao (Cervo) este xoves, día 10 de xullo, ás 18:00 horas.

O director do filme, Xan Leira, anuncia: “o próximo xoves, 10 de xullo, retomamos a programación do documental O Vello Pancho, de Ribadeo ao Plata, grazas á colaboracións institucional da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e, neste caso, na Rede Museística Provincial de Lugo. Nesta presentación con coloquio vou estar acompañado por Pablo Rodríguez Vivín (investigador, escritor e libreiro de Ribadeo), quen tamén colaborou coa investigación e prestou testemuño no documental”.

Ademais o autor do documental explica que “as persoas que participaron neste filme, son investigadores e coñecedores da biografía e obra xornalística e literaria de José Alonso y Trelles (O Vello Pancho): Pablo Rodríguez, Pilar Cagiao, Martín Fernández Vizoso, Manuel Suárez, José María Monterroso Devesa, Toni de Seares e Ana Lorenzo, estes últimos responsables do programa de radio Sempre en Galicia, de Montevideo, e integrantes do Patronato da Cultura Galega, entidade comprometida coa recuperación e mantemento do legado do escritor homenaxeado”.