
Burela acolle esta fin de semana a trixésimo cuarta Feira do Bonito e a vixésimo terceira edición de Produart.
O deputado provincial de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este luns xunto á alcaldesa de Burela e deputada provincial, Carmela López Moreno, no acto de presentación da XXXIV Feira do Bonito e a XXIII Feira dos Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos (Produart), que se celebrarán esta fin de semana en Burela. Á presentación desta cita, declarada de Festa de Interese Turístico Nacional desde o 2019, tamén asistiu a presidenta da Sociedade Cultural Recreativa Ledicia, Rocío Rivera Seara, entre outras autoridades.
Francisco Cajoto recordou: “non podemos deixar de lembrar o que vivimos hai tan só uns días, o pasado xoves 24 de xullo, na Praza de San Marcos, en Lugo, onde organizamos un acto de promoción do Bonito de Burela que foi un verdadeiro éxito de participación e repercusión. Participaron recoñecidos cociñeiros da nosa provincia que prepararon tres elaboracións coas que demostraron que o Bonito de Burela é un produto versátil, de primeira calidade e que está á altura da alta gastronomía. Ese acto foi, sen dúbida, unha antesala perfecta da Feira que celebraremos esta fin de semana aquí en Burela organizada coa dedicación e o compromiso da Asociación Ledicia e do Concello de Burela, e que conta, como non podía ser doutro xeito, co apoio da Deputación de Lugo”.
Francisco Cajoto destacou que “a Feira do Bonito é un exemplo do que podemos conseguir cando traballamos conxuntamente desde o público e o privado, desde o local e o provincial, coa mirada posta na posta en valor dos nosos recursos. Porque defender o bonito de Burela é defender a nosa economía, o noso medio mariño, e o futuro das comunidades costeiras. A Deputación de Lugo seguirá estando ao lado de iniciativas coma esta, que reforzan a nosa identidade e poñen en valor o mellor que temos: o noso territorio, o noso mar, e a nosa xente”.
A XXXIX Feira do Bonito arrancará este sábado, día 2 de agosto, ás 10:30 horas co III Encontro de Alfombrismo e Arte Efémero Galego e ás 13:00 horas terá lugar a recepción de autoridades e o izado de bandeira azul no barco museo Reina del Carmen. Acto seguido procederase á lectura do pregón, a cargo do burelés Juan Carlos Enríquez Casas, e despois farase a degustación, que se prolongará ao longo da tarde a base de bonito cocido, bonito asado á grella e empanada. A xornada rematará ás 20:30 horas cos concertos de S.S.R Ledicia, Marcarme, Enol e sesión DJ Pepu.
O domingo, 4 de agosto, haberá actividades infantís e, ás 13:30 horas, iniciarase a degustación que, neste caso, estará protagonizada por petiscos de enfariñada de Trabada con bonito e ración de marmitako.
Ademais a programación inclúe actividades deportivas complementarias, como o VII Torneo de Fútbol de Veteranos Feira do Bonito, no Campo de Fútbol A Marosa; e o Torneo de Baloncesto 3x3 que acollerá a Praza da Mariña.
Paralelamente á Feira do Bonito, tamén se celebrará do 1 ao 3 de agosto a vixésimo terceira edición da Feira Produart, organizada pola Fundación Expomar e que conta cunha achega económica da Deputación de Lugo de 15.000 euros. Esta exposición comercial porá en contacto a produtores, comerciantes e consumidores que apoien o desenvolvemento dos recursos da comarca mariñá desde a perspectiva da sustentabilidade e a conservación do medio.
A programación arrincará o venres, 1 de agosto, ás 17:30 horas, coa inauguración da Feira e ás 19:00 horas presentarase o XI Festival Osa do Mar. A continuación, terá lugar un concerto e a partir das 21:00 horas haberá unha degustación de produtos do mar.
A xornada do sábado, 2 de agosto, iniciarase ás 11:30 horas coa presentación do libro Boni, unha viaxe marabillosa; ás 11:45 horas os máis pequenos poderán participar nun obradoiro de pintacaras infantil -que tamén se realizará pola tarde, ás 17:00 horas-; e, a continuación, ás 12:00 horas, terá lugar unha demostración de encaixe de bolillos.
Xa para rematar, o domingo 3 de agosto, ás 12:00 horas presentarase o libro El secreto de la esmeralda e ás 12:15 horas haberá unha demostración de encaixe de bolillos.
E a Xunta de Galicia destaca que a Feira do Bonito de Burela está “consolidada gracias ao recoñecemento de Festa de Interese Turístico Galego e co respaldo institucional da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, da Consellería do Mar e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O evento celebrarase o vindeiro sábado 3 de agosto na explanada portuaria, cun amplo programa de actividades culturais, gastronómicas e musicais, dirixidas a todos os públicos. A Xunta volve mostrar o seu compromiso co impulso do turismo sustentable e de calidade na Mariña lucense, apoiando esta celebración que pon en valor a excelencia do peixe de Burela e a súa tradición mariñeira. No marco da feira, celebrarase tamén o concerto do recoñecido artista Enol, que conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, reforzando así a oferta musical e dirixida á mocidade, nun evento que combina gastronomía, tradición e novas expresións culturais”.