Burela e Trabada unen forzas na XXXIX Feira do Bonito para ofrecer enfariñada con ventresca de bonito este domingo, 3 de agosto

A colaboración entre os concellos de Burela e Trabada dará lugar este domingo, día 3 de agosto, no marco da XXXIX Feira do Bonito, a “unha das propostas gastronómicas máis especiais desta fin de semana: unha ración de enfariñada tradicional de Trabada elaborada con ventresca de bonito de Burela”, anuncia o Concello de Burela, que engade: “a iniciativa, que pon en valor o traballo conxunto entre estes dous municipios da Mariña cunha fonda tradición culinaria, permitirá servir 250 racións a partir das 13:30 horas na carpa situada no porto de Burela. A preparación comezará ben cedo, coa colaboración de voluntarios e voluntarias de ambas localidades, que traballarán man a man para dar forma a este prato”.

O Concello de Burela explica tamén que “esta iniciativa busca visibilizar o traballo conxunto entre municipios como motor de desenvolvemento e promoción do territorio, unindo esforzos para ofrecer unha proposta de calidade baseada na cultura e nos sabores propios da comarca. A enfariñada, prato estrela da festa gastronómica de Trabada, únese así ao rei da Feira de Burela, o bonito. Dúas tradicións que se dan a man nunha cita única este domingo 3 de agosto”.