No Cenima en Foz o 14 de agosto terá lugar a presentación do libro “Memoria de Mariñáns”, de Martín Fernández Vizoso

A asociación cultural A Pomba do Arco organiza o xoves, 14 de agosto, ás 20:30 hora no salón de actos do Cenima de Foz a presentación do libro de Martín Fernández Vizoso, Memoria de Mariñáns, que recolle 75 traballos sobre a emigración da Mariña ao continente americano.
 
O xornalista e estudoso Martín Fernández Vizoso “achegará na súa intervención 13 investigacións sobre emigrantes focegos en Arxentina, Cuba ou Filipinas. As mesmas permiten reconstruír unha parte descoñecida da diáspora focega”, explican desde A Pomba do Arco. 
 
Fernández Vizoso, xornalista e investigador, é veciño de Cangas e autor dunha amplía bibliografía sobre a historia da comarca da Mariña, á que xa ten dedicada catro volumes e centos de artigos en diversas publicacións.