
Augaxosa, en Riotorto, volverá vestirse de festa os días 12, 13 e 14 de setembro para celebrar as tradicionais Feiras e Festas de San Roque, cun programa que combina música, gastronomía, feira de gando e actividades culturais.
O venres 12 de setembro a festa comezará ás 21:30 horas cunha gran pulpada popular servida pola coñecida Pulpería Suso de Lugo, que incluirá tamén xamón cocido, churrasco, postre e café. A continuación, terá lugar unha espectacular verbena coa orquestra Gran Parada e DJ Bombardero, garantindo unha noite de diversión.
O sábado 13 de setembro estará dedicado á feira de gando e á mostra de razas autóctonas, con apertura ás 9:30 horas e premios en metálico para os gandeiros participantes. Ademais, desde as 10:30 horas poderá visitarse a mostra de animais autóctonos, e ás 11:00 horas haberá demostracións de oficios artesáns como cestería ou torneado de madeira. A música chegará co pasarrúas dos gaiteiros de Augaxosa (11:30 horas) e ás 12:30 horas ofrecerase unha degustación gratuíta de hamburguesas de poldro de Pura Raza Galega. Acto seguido, terá lugar a misa solemne con procesión, despois sesión vermú e verbena nocturna a cargo do Trío Karma. Durante o mediodía tamén se poderá gozar dunha nova oferta gastronómica da man da Pulpería Suso, ao mesmo tempo que se fará entrega dos premios da feira.
O domingo 14 de setembro a programación pecharase coa misa ás 13:30 horas, procesión e sesión vermú amenizada por Venus.
Todas as actividades celebraranse nun campo cuberto con carpa.
As Feiras e Festas de Augaxosa son un dos eventos máis esperados do concello de Riotorto, e desde a organización agradecen a colaboración de veciños, comerciantes e patrocinadores.