
O Concello de Mondoñedo presentou a celebración das Extra XVIII Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño, que terán lugar o luns 15 de setembro cunha xornada especialmente dedicada á mestra galego-cubana Andrea López Chao, destacada figura do galeguismo no exterior.
A programación inclúe unha romaría popular na rúa que leva o seu nome, xogos tradicionais, torneo da chave, actuacións musicais, pasarrúas e a inauguración oficial da rúa Andrea López Chao, que culminará cun acto institucional no Auditorio Municipal Pascual Veiga e coa preestrea da mediametraxe documental Andrea López Chao: O legado dunha mestra galega en Cuba. Ademais nesta edición o público poderá gozar da foodtruck de Galicia Sabe Amar, que ofrecerá produtos pesqueiros dos portos galegos ao longo da tarde.
A tenente de alcalde no Concello de Mondoñedo, Ángeles Rodríguez, destacou que estas xornadas “son unha oportunidade para honrar a memoria dunha muller que fixo historia e que levou o nome de Galicia moi lonxe, ao tempo que reforzamos a identidade de Mondoñedo como cidade de encontro, cultura e acollida”. Engadiu que esta programación “combina música, tradición, gastronomía e memoria, e invita a veciños e visitantes a gozar dunha xornada festiva e de convivencia”.
A organización conta coa colaboración do Concello de Mondoñedo, a Asociación Abrindo Camiño, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e distintas entidades e colectivos.
O Concello anima a toda a cidadanía a participar “nesta xornada especial e a compartir unha homenaxe que quere manter viva a pegada de Andrea López Chao para as novas xeracións”.