
A asociación Terras de Miranda, coa colaboración do Concello de Burela, organiza unha charla informativa sobre comunidades enerxéticas este mércores, día 24 de setembro, ás 20:00 horas no salón de actos municipal. A entrada será libre e gratuíta para todas as persoas interesadas.
O Concello de Burela explica que o obxectivo desta iniciativa é “achegar á cidadanía o concepto das comunidades enerxéticas e dar a coñecer as súas vantaxes. Así durante a sesión explicaranse todas as oportunidades que ofrecen para a explotación dos recursos locais, os beneficios económicos e ambientais que supoñen, así como os pasos necesarios para poñer en marcha este tipo de proxectos. Dita actividade enmárcase no programa ‘Impulso CERES’, que está a desenvolver charlas informativas en distintos puntos da provincia de Lugo. Este programa é promovido pola Oficina de Transformación Comunitaria CERES e financiado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) a través de fondos europeos”.
A convocatoria está dirixida á poboación en xeral, ás asociacións e tamén ás pequenas e medianas empresas, co fin de “dar a coñecer unha alternativa que pode xerar aforro económico e favorecer un desenvolvemento local sostible”.