
O xoves 9 de outubro ás 17:00 horas Burela acollerá a actividade Ruta Guiada: Tódolos ODS son locais, dirixida a mozas e mozos de entre 12 e 18 anos. A proposta celébrase en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no marco do programa People & Planet, do que o Concello de Burela forma parte. Froito deste proxecto estableceuse unha ruta pola vila que vincula diferentes espazos cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
O Concello de Burela explica que “o CIM (Centro de Información á Muller) está relacionado co ODS 5 (Igualdade de Xénero); a estación de autobuses e tren, co ODS 11 (Cidades e comunidades sostibles); a fonte de Neptuno, co ODS 6 (Auga limpa e saneamento); os hortos urbanos, co ODS 2 (Fame cero); a praia da Marosa, co ODS 14 (Vida mariña); e o monte Castelo, co ODS 13 (Acción polo clima). En cada localización instalouse un panel cun código QR que permite acceder a información sobre o obxectivo correspondente. Ademais o Fondo Galego pon a disposición gafas de realidade virtual que posibilitan descubrir os contidos da ruta de forma inmersiva. Durante a actividade percorreranse os puntos máis próximos e, para rematar, visualizarase na Casa da Xuventude a información dos espazos da Marosa e do monte Castelo mediante realidade virtual”.
Mario Pillado, primeiro tenente de alcaldesa, salientou que “esta actividade é unha oportunidade para que a nosa mocidade se decate de que os ODS non son algo alleo, senón que teñen aplicación directa na nosa vila e na nosa vida cotiá. Queremos que vexan que tamén desde Burela podemos contribuír a un mundo máis xusto e sostible”.
A ruta atópase na páxina ods.fondogalego.gal e as inscricións e máis información poden solicitarse no correo casaxuventude@burela.org ou no teléfono 982.58.11.41.