
O Concello de Cervo convida a toda a veciñanza e visitantes a participar nas tradicionais festas na honra da Nosa Señora do Rosario en Castelo, que se celebrarán nesta fin de semana, os días 4 e 5 de outubro, organizadas pola asociación Cabaleiros do Xunco en colaboración co Concello de Cervo e a Comunidade de Montes Medela e Rozada.
O programa comezará o sábado 4 cunha misa solemne cantada polo Coro Parroquial de Cervo ás 13:00 horas, seguida da procesión e da sesión vermú co grupo Fénix. Pola noite, ás 22:00 horas, terá lugar a verbena amenizada polo grupo Fénix e por Tania Veiras.
O domingo 5 celebrarase novamente misa solemne cantada polo Coro Parroquial de Cervo ás 13:00 horas, coa súa correspondente procesión, e a sesión vermú estará amenizada polo dúo Belinda.
O recinto festivo contará cun servizo de carpa para garantir o desenvolvemento das actividades independentemente da meteoroloxía.
O Concello de Cervo anima a toda a cidadanía “a gozar dunha fin de semana de tradición, música e convivencia que inaugurará este mes de outubro”.
Na presentación participaron a tenente de alcaldesa Mali Méndez, o concelleiro Alfredo Fernández e membros da comisión organizadora da festa.