Na biblioteca municipal de Barreiros haberá un escape room o 23 de outubro

A biblioteca municipal de Barreiros acollerá un escape room para rapazada de 4 a 16 anos. Será o día 23 de outubro, xoves, ás 16:30 horas.

O Concello de Barreiros anuncia: “achégase o Día das Bibliotecas e queremos celebralo cunha actividade para a rapazada. O día 23 de outubro ás 16:30 horas faremos un escape room na Biblioteca Municipal de Barreiros, onde se agochan unha serie de misterios que deberedes resolver. Por equipos, utilizando a cooperación, o enxeño e a comunicación activa teredes que superar unha serie de probas e descifrar enigmas para conseguir o obxectivo común. Quen será capaz de resolvelo? Trátase dunha actividade moi divertida, que vos permitirá resolver problemas a través do traballo en equipo. De aquí levaredes unha aprendizaxe moi importante para o voso futuro, poñendo en valor a importancia da biblioteca e da lectura”.

As prazas son limitadas e asignaranse por rigoroso orde de inscrición. Para participar hai que anotarse previamente na Biblioteca Pública Municipal de Barreiros. O prazo remata o 17 de outubro.

Esta actividade está enmarcada no Ler conta moito, un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas entidades locais.