A Aula Universitaria da UNED de Foz organiza actividades abertas á veciñanza os días 16, 20 e 24 de outubro

A Aula Universitaria da UNED de Foz presenta un mes de outubro con tres propostas abertas á veciñanza, combinando cultura, ecoloxía e lecer para todas as idades. Serán os días 16, 20 e 24.

O xoves 16 de outubro de 16:30 a 18:30 horas celebrarase a ruta turística Foz, sabor a mar, un paseo guiado a cargo de Ana Pena, de Guía tu día, guía turística nativa de Foz. A actividade, organizada en colaboración coa Concellería de Turismo, “permitirá coñecer o pasado mariñeiro da vila e afondar na súa identidade costeira, ofrecendo unha nova mirada sobre o patrimonio local”.

A concelleira de Turismo, Katy Navarro, salienta que “esta iniciativa amosa o valor de traballar de forma coordinada entre as diferentes áreas do Concello e a Aula Universitaria da UNED. A unión de esforzos permítenos poñer en valor os recursos de Foz e ofrecer actividades que fortalecen a identidade local e a participación cidadá”.

O luns 20 de outubro a Aula Universitaria participará conxuntamente co IES de Foz na limpeza da praia da Rapadoira, no marco da XIV Limpeza Simultánea de Praias organizada por ADEGA. A actividade, que se desenvolverá de 12:30 a 13:30 horas, está aberta a toda a cidadanía. O Concello de Foz colaborará facilitando aos participantes os útiles necesarios, “reafirmando o seu apoio constante a esta iniciativa ecolóxica”.

Finalmente, o venres 24 de outubro,de 17:00 a 19:00 horas celebrarase unha actividade de Halloween para nenos e nenas a partir de cinco anos. Trátase dun xogo semellante á busca do tesouro, con pistas en inglés e temática inspirada nesta celebración.

A concelleira da Aula, Elena Martínez, subliña que “estas actividades amosan o papel da Aula da UNED como espazo vivo de aprendizaxe, cultura e participación cidadá. Foz é un lugar privilexiado, e queremos que cada veciño e veciña o sinta así”.

Pola súa banda, a coordinadora da Aula, Marta Muiña, destaca que “o traballo conxunto coas diferentes concellerías e instrumentos municipais é a base do funcionamento deste servizo, que pretende ser útil, aberto e próximo á comunidade”.

O prazo de matrícula para o curso 2025/2026 continúa aberto ata o 22 de outubro. A información e inscrición poden realizarse na web da UNED ou presencialmente na Aula Universitaria de Foz, de luns a venres, de 9 a 14 horas.