
O vindeiro luns, 20 de outubro, arrincará en Foz e en Barreiros a campaña da FCAM De compras polo comercio da Mariña Lucense.
Desde a FCAM, o seu tesoureiro e presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, explica que “o obxectivo desta campaña é unha forte aposta polas compras no pequeno comercio, nese que temos a carón das nosas casas. E imos facelo traendo á Mariña a persoas destacadas pola súa profesión no ámbito do xornalismo, a música, a escritura ou o cine. Queremos que elas e eles sexan un reclamo comercial e por iso van vir pasar unha fin de semana entre nós”.
Ata Foz e Barreiros se achegarán o 25 de outubro, a vindeira fin de semana: Carlota Corredera, presentadora, directora e colaboradora de televisión. Na actualidade presenta No somos Nadie en TEN TV e colabora en varios programas de RTVE; David Insua, comunicador, colaborador de televisión en No somos Nadie e de radio en El despertador de RNE, e escribe na revista Semana; e Isidoro Valerio, periodista e comunicador en medios galegos desde hai 41 anos.
Paleo indica que “as persoas que fagan as súas compras nos comercios asociados a Acia Foz-CCA e nos negocios de Barreiros entrarán no sorteo de 500 euros en vales de compra”. O 25 de outubro ás 20:30 horas na Praza do Souto, de San Miguel (Barreiros) terá lugar o devandito sorteo. “E eses convidados especiais serán os encargados de entregar os vales ás persoas afortunadas. Con eles imos visitar tamén enclaves turísticos da nosa comarca, porque entendemos que comercio e turismo están moi unidos neste destino, e ademais imos amosarlles a excelente gastronomía coa que contamos nesta zona”, engaden desde a FCAM.
En Foz tivo lugar este mediodía a presentación do arranque da campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense, que está financiada pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia. No acto participaron o alcalde, Fran Cajoto, a concelleira de Comercio, Kathy Navarro, e o presidente de Acia-Foz-CCA, José Carlos Paleo.