
O libro titulado Espiritualidad, escrito por oito persoas, será presentado en Foz o día 31 de outubro, venres. Será ás 21:00 horas no salón de actos do CENIMA.
Os autores explican que “é, máis que un traballo, unha reflexión conxunta entre persoas que buscan a verdade interior por diferentes camiños, que tentan atopar o ben de diversas formas. Espiritualidad naceu dun programa coloquio en Radio Burela a principios do ano 2018, que se continuou logo a través de diálogos e entrevistas telefónicas ao longo de diversos meses, incluso na época da pandemia do COVID. Agora presentámosvos o froito de tanto diálogo e tanta busca neste libro”.
Os autores son: Jesús Álvarez Piñón (sacerdote católico, actual párroco de Viveiro); David Val Pena (idealista espiritual, locutor de Radio Foz e promotor do poboado hobbit en Vilaxoane (Foz); Omar Choraifi Salmi Saidi (musulmán que colaborou nas mesquitas de Fazouro e Burela); Carlos Matías Nicieza García (ateo materialista, ex locutor de Radio Burela e membro de varios grupos de teatro da Mariña); Eugenia Iglesias Flórez (psicóloga de visión holística que viviu un tempo en Foz e actualmente reside en Asturias); Vicente Míguez Salgueiro (cristián, profesor de relixión xubilado, investigador, docente e escritor de Celeiro (Viveiro); Arturo Fernández Fernández (budista, propietario da librería Nóbel, en Burela) e José Vázquez Peinó (católico, profesor xubilado, escritor, actor e locutor de radio).
“O venres 31 de outubro ás 21:00 horas, grazas á colaboración do Concello de Foz, falaremos no CENIMA sobre o noso libro, sobre a nosa reflexión escrita sobre temas profundos e enriquecedores, sobre o espírito”, rematan os autores da publicación.