A proba de obstáculos infantil Gladiator Kids celebrarase en Ribadeo o 9 de novembro

A Gladiator Kids volve a Ribadeo con carácter solidario. A proba de obstáculos infantil terá lugar o 9 de novembro. O importe das inscricións será doado integramente á Cruz Vermella ribadense.

A Gladiator Race regresa a Ribadeo o próximo 9 de novembro para celebrar a súa versión Family, unha proba de obstáculos para os máis pequenos da casa cun fin solidario. A carreira está dirixida a nenos e nenas entre 3 e 11 anos e o diñeiro das inscricións será doado integramente a Cruz Vermella Ribadeo.

Dita xornada, patrocinada por Mediolanum Aproxima (o proxecto solidario de Banco Mediolanum), pola Fundación Mediolanum en España e polo Concello de Ribadeo, será na Praza de España a partir das 12:00 horas. O custo das inscricións será de 6 euros e poderán abonarse a través da web oficial da carreira: www.gladiatorraceoficial.es.

As nenas e nenos, sempre acompañados dun adulto, poderán gozar dun día en familia facendo deporte, no que se enfrontarán a distintos obstáculos a través de dous percorridos: un de 500 metros para participantes entre 3 e 5 anos e outro de 900 metros para a franxa de 6 a 11 anos. Ao finalizar a proba, todos os participantes recibirán unha medalla finisher.

As inscricións poden realizarse desde este sábado, 25 de outubro, e os 6 euros do seu importe destinaranse integramente á Cruz Vermella Ribadeo a través do proxecto Mediolanum Aproxima. Ademais, a Fundación Mediolanum en España tamén participará na carreira e duplicará as doazóns que se consigan entre 2.000 e 5.000 euros.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima “a todas as nenas e nenos de 3 a 11 anos de Ribadeo e de toda a contorna a participar na Gladiator Kids o vindeiro 9 de novembro. Será un domingo diferente para compartir en familia e entre amigos e coa solidariedade como bandeira, xa que todo o recadado será para a Cruz Vermella de Ribadeo. Cantos máis sexamos participando máis fondos poderemos destinar para o importante traballo que realiza esta entidade”.