
O deputado provincial de Mocidade, Daniel García, participou esta mediodía na presentación do festival Breason, que se celebrará o 8 de novembro, sábado, en Mondoñedo.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis coa Asociación Cultural Xoldra na organización do festival, con actuacións de Biznaga, Grande Amore, 9Louro, Malvela, Señora DJ, Femfarria, María Raxeta e Meniñ@s da Mariña, formada pol@s alumn@s da escola da Asociación de Música de Baile Tradicional Gaita Escola de Mondoñedo.
Daniel García expresou “o apoio da Vicepresidencia da Deputación a este festival, que conta co impulso da Asociación Cultural Xoldra e da mocidade mindoniense comprometida coa música e a cultura en galego, como reflicte o cartel desta segunda edición que reúne algunhas das bandas e artistas máis recoñecidos da música en galego actual” e valorou tamén “a aposta de Xoldra por converter o festival nunha oportunidade de promoción da artesanía e do patrimonio de Mondoñedo”.
Aos concertos, a partir das 21.00 horas na Praza da Catedral, con entrada de balde, súmase un programa de actividades que inclúe un roteiro polas rúas de Mondoñedo -ás 12.00 e as 17.00 horas- e obradoiros de artesanía -cantería, títeres, cerámica e serigrafía- no Barrio dos Muíños. Ao longo da tarde haberá tamén un magosto e unha foliada, ademais dunha exposición de ilustracións de artistas galegas no Casino de Mondoñedo.
A organización habilitará unha zona de acampada nas instalacións deportivas de Viñas da Veiga.
A Xunta de Galicia tamén apoia esta nova edición do festival BreaSon e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, mantivo este mércores un encontro con responsables da organización, a asociación xuvenil Xoldra, aos que felicitou por artellar “un espazo para a música e a cultura cun claro protagonismo do talento galego”.
A Xunta destaca que “o festival é gratuíto, contará con carpa cuberta e presenta outras propostas como unha foliada, rutas de sendeirismo e obradoiros. Tamén ofrece acampada interior para as persoas que o precisen”.


