Ibuprofeno Teatro representa a obra “Reconversión” en Viveiro este sábado, 8 de outubro

A compañía Ibuprofeno Teatro representará a obra titulada Reconversión en Viveiro este sábado, día 8 de outubro. Será ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz.

Esta representación ten unha duración de 100 minutos e é teatro contemporáneo para público adulto.

O autor e director da obra é Santiago Cortegoso e o elenco está formado por: Artur Abad, Cristina Collazo, Santiago Cortegoso, César Goldi, Celia González, Davide González, Fran Lareu e Nani Matos.

O Concello de Viveiro anuncia que Reconversión “é un espectáculo de gran formato para público adulto, con oito actores músicos que forman unha charanga e interpretan a banda sonora en directo. Entre o íntimo e o político, o proxecto, escrito e dirixido por Santiago Cortegoso, é un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo. A obra céntrase na peripecia vital do pai do autor, un home que traballou no estaleiro Ascón durante 30 anos. Esta figura sintetiza as vivencias de toda unha xeración, que sufriu o paro polo peche da factoría en 1984 e viviu as mobilizacións históricas que tiveron lugar nos anos 70 e 80. Reconversión é unha viaxe desde a posguerra ata o felipismo dos 80, pasando polo auxe da industria siderúrxica e a evolución desde un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista”.

As entradas están a venda de luns a xoves no teléfono 982.560.162, en horario de 9 a 14:00 horas, no correo electrónico cultura@viveiro.gal ou na taquilla unha hora antes da función.