
O Concello de Burela, a través da súa área de Cultura, organiza unha nova edición do Mercado e Rastro de Nadal, que converterá a Praza da Mariña nun punto de encontro para veciños, visitantes e expositores durante a fin de semana do 29 e 30 de novembro cun horario de 10:30 a 20:30 horas
O evento, de acceso libre e participación gratuíta, busca “apoiar o comercio de proximidade, a creación artesanal e a reutilización responsable, nun ambiente cheo de espírito navideño. Para facilitar a organización, o mercado dividirase en dúas zonas diferenciadas: a Zona A, dedicada ao mercado artesanal e creativo, acollerá expositores que ofrezan produtos elaborados por eles mesmos ou de carácter artístico; e a Zona B, destinada ao rastro de segunda man, reunirá postos con libros, roupa, complementos ou xogos usados en bo estado, apostando pola reutilización e o consumo consciente”.
A participación está aberta a artesáns e creadoras/es, asociacións culturais ou veciñais, autónomos e persoas maiores de idade que desexen expoñer produtos de elaboración propia ou artigos de segunda man. O Concello “asignará os espazos segundo a dispoñibilidade da carpa e as características dos postos, lembrando que as prazas son limitadas e se cubrirán por orde de inscrición”.
Desde a Área de Cultura do Concello de Burela destácase que a iniciativa quere “dar visibilidade ao talento local e apoiar a economía de proximidade”, explicou Lina Gómez, concelleira de Cultura, ao tempo que ofrece “unha proposta atractiva para veciños e visitantes. A participación é gratuíta e cada expositor poderá solicitar ata dúas mesas, especificando as súas necesidades no formulario de inscrición.
As persoas interesadas poden descargar as bases completas e o formulario oficial de inscrición na web municipal burela.org e enviar a súa solicitude ao correo cultura@burela.org antes do 16 de novembro.


