A campaña da FCAM “De compras polo comercio da Mariña Lucense” chegará o 15 de novembro a Ribadeo e á Pontenova con novos convidados

A campaña da FCAM co lema De compras polo comercio da Mariña Lucense chegará o 15 de novembro a Ribadeo e á Pontenova con novos convidados.

A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, anunciou: “o sistema será o mesmo que viñemos realizando nos sorteos que xa tiveron lugar en Barreiros e en Mondoñedo. As persoas que fagan as súas compras nos comercios asociados a Acisa Ribadeo e á Asociación de Comerciantes da Pontenova entre os días 10 e 15 de novembro entrarán no sorteo de 500 euros en vales de compra. O día 15, sábado, ás 20:00 horas na Praza do Concello da Pontenova terá lugar o devandito sorteo. E os convidados especiais cos que imos contar serán os encargados de entregar os vales de compra ás persoas afortunadas. Con eles imos visitar diferentes enclaves turísticos, porque entendemos que comercio e turismo están moi unidos neste destino, e ademais imos amosarlles a excelente gastronomía coa que contamos na Mariña”.

Ata Ribadeo e A Pontenova achegaranse Almudena Navarro (comunicadora, dj e presentadora de tv), Arsenio Coto (xornalista) e José Real (xornalista e locutor de radio).

Desde a FCAM subliñan que “o obxectivo desta campaña é unha forte aposta polas compras no pequeno comercio das nosas vilas. E facémolo traendo á Mariña a persoas destacadas pola súa profesión no ámbito do xornalismo, da música, da escritura, do deporte ou do cine. Queremos que eses persoeiros sexan un reclamo comercial e por iso veñen pasar unha fin de semana entre nós. Arrincamos a finais de outubro en Foz e Barreiros, seguimos o noso percorrido esta fin de semana por Lourenzá e Mondoñedo e os días 15 e 16 de novembro estaremos en Ribadeo e A Pontenova”.

En Ribadeo tivo lugar a presentación deste novo capítulo da campaña De compras polos comercio da Mariña Lucense. No acto participaron o alcalde, Dani Vega; a concelleira de Comercio, Marta Saiz; a presidenta da FCAM e de Acisa, Carmen Cruzado; e o xerente da asociación empresarial ribadense, Jesús Pérez.