
O Concello de Viveiro anuncia que “continúa a reforzar o seu compromiso co benestar e a participación activa das persoas maiores do municipio mediante a posta en marcha de novas actividades sociais e culturais”. Nesta liña o goberno local dá a coñecer o inicio do programa chamado Viveiro Baila- Bailes de tarde para os nosos maiores, que ofrecerá “encontros mensuais de convivencia, música e lecer”. A primeira sesión terá lugar este sábado, día 15 de novembro, ás 19.00 horas no salón de actos do Conservatorio de Viveiro. Actuará o dúo Mar Dávila e as persoas asistentes poderán gozar ademais dunha degustación gratuíta de castañas.
A seguinte cita será o domingo 14 de decembro, tamén ás 19.00 horas, cun baile amenizado por Verónica Cambón. A xornada incluirá chocolate e biscoitos para o público participante.
Xunto a esta iniciativa, o Concello impulsa tamén un obradoiro audiovisual gratuíto para persoas maiores de 55 anos, impartido polo cineasta Manolo Gómez. A actividade “ofrece unha aproximación práctica ao proceso de creación cinematográfica e promove un espazo de aprendizaxe, creatividade e relación social”, destaca o Concello.
Estas propostas súmanse ás accións que o Concello vén desenvolvendo ao longo do ano orientadas ao envellecemento activo, o acompañamento e a dinamización cultural das persoas maiores.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, subliñou que “as persoas maiores ocupan un lugar fundamental nas políticas municipais. Queremos que se sintan acompañadas, valoradas e protagonistas da vida da nosa cidade. Actividades como estas reforzan a súa participación e fortalecen o tecido social de Viveiro”.


