
A campaña da FCAM (Federación de Comercio A Mariña) co lema De compras polo comercio da Mariña Lucense chegará o 22 de novembro a Viveiro e Xove con novos convidados: os xornalistas José Ribagorda, Pepa Sastre, Sergio Martín e Darío Martínez.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explicou que “o sistema será o mesmo que viñemos realizando nos sorteos anteriores que tiveron lugar en Barreiros, Mondoñedo e A Pontenova. As persoas que fagan as súas compras nos comercios asociados ao CCH Viveiro e nos establecementos de Xove entre os días 17 e 22 de novembro entrarán no sorteo de 500 euros en vales de compra. O día 22, o vindeiro sábado, ás 20:00 horas na Praza do Concello, de Xove, terá lugar o devandito sorteo. E os convidados especiais cos que imos contar serán os encargados de entregar os vales de compra ás persoas afortunadas. Con eles imos visitar diferentes enclaves turísticos, porque consideramos que comercio e turismo están moi unidos neste destino, e ademais imos amosarlles a excelente gastronomía coa que contamos na Mariña Lucense”.
Desde a FCAM subliñaron que “o obxectivo desta campaña é unha forte aposta polas compras no pequeno comercio das nosas vilas. E facémolo traendo á Mariña a persoas destacadas pola súa profesión no ámbito do xornalismo, da música, da escritura, do deporte ou do cine. Queremos que eses persoeiros sexan un reclamo comercial e por iso veñen pasar unha fin de semana entre nós. Arrincamos a finais de outubro en Foz e Barreiros, seguimos o noso percorrido por Lourenzá e Mondoñedo, por Ribadeo e A Pontenova e os días 22 e 23 de novembro estaremos en Viveiro e en Xove”.
En Viveiro tivo lugar a presentación da campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense. No acto participaron a alcaldesa, Mariña Gueimunde, e a xerente do CCH, Isabel Méndez.


