O Concello de Foz organiza actividades durante este mes e decembro para conmemorar o 25N

Con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o 25 de novembro, o Concello de Foz, a través da Delegación de Muller e Igualdade, organiza, durante este mes e o de decembro, un programa de actividades para conmemorar esta data, con diversos talleres relacionados coa muller, ademais de actividades didácticas dirixidas ó alumnado do centro educativo IES de Foz. Anunciouno a concelleira Ana Rojo.

A edil delegada de Muller e Igualdade especifica que “para dar inicio á campaña, e como acto simbólico e de reivindicación, colocarase unha pancarta contra a violencia de xénero, no edificio do Concello porase un lazo morado e farase o acendido das luces da mesma cor morada, como símbolo de loita contra a violencia de xénero. Seguidamente levarase a cabo unha concentración e lectura do manifesto institucional o día 25N ás 18:30 horas diante a praza do Concello. Conmemoramos así o Día Internacional contra a Violencia de Xénero baixo o lema Non camiñas sola, movémonos contigo. Ó remate do acto gardarase un minuto de silencio en memoria das vítimas”.

Ana Rojo tamén anuncia que a Biblioteca Municipal Salgado Toimil, de Foz, “únese á celebración do Día Internacional na Loita contra a Violencia de Xénero, 25N, cunha proposta aberta o público en xeral que se poderá visitar dende o 24 ata o 28 de novembro; é unha mostra bibliográfica sobre a violencia de xénero na literatura. Desta maneira a Biblioteca Municipal súmase á visualización e concienciación na loita contra a violencia de xénero, cunha mostra que reúne obras literarias e divulgativas destinadas a promover a lectura como vía para a igualdade, coa temática e perspectiva de xénero e as distintas formas de violencia machista”.

O xoves día 27, en horario de 17:30 a 19:30, na cuarta planta de Servizos Sociais, “organizaremos un taller de solo pélvico impartido pola matrona María González Cociña, directora do Centro M. Burela. Neste taller aprenderemos a importancia de exercitar e tonificar o solo pélvico, con sesións prácticas (dirixido a mulleres de todas as idades de Foz). Para participar hai que anotarse, chamando o teléfono de Servizos Sociais, que é o  982.13.35.66”, engade a concelleira.

O xoves 4 de decembro, en horario de 17:30 a 20:00, haberá un taller de perimenopausia, no salón de actos do Cenima, no cal “resolveranse dúbidas ademais de proporcionarnos recursos ou ferramentas fáciles de aplicar diariamente, como suplementación, exercicios e alimentación, con sesións en vivo. Será impartido pola mesma profesional, María González Cociña, e no hai límite de idade”, explica Ana Rojo, quen tamén anuncia que “como remate da programación do 25N, contaremos co documental de Mabel Lozano Chicas Nuevas 24h e unha exposición de fotografía sobre a trata e a explotación sexual de mulleres e nenas. Estará a disposición do público en xeral, na sala de exposicións do Cenima do 15 o 31 de decembro. O documental proxectarase ó público o día 19 en horario de 18.30 a 19.30 horas. Esta actividade está promovida pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, da Consellería de Política Social e Igualdade (Xunta de Galicia), en colaboración co Concello de Foz”.

Os días 17 e 18 de decembro, no salón de actos do Cenima, desenvolverase unha programación para o alumnado do centro educativo IES de Foz, a partir de 14 anos en adiante: actividades didácticas con talleres interactivos de prevención e sensibilización sobre a trata e a captación de nenas e mulleres, prostituídas, escravizadas e maltratadas pola violencia machista. Haberá ademais visitas guiadas e visionado do documental Chicas Nuevas 24h

“Foz é un pobo comprometido coa igualdade e coa loita contra todas a formas de violencia contra a mulleres, por iso a implicación e moi importante. Cada xesto por pequeno que sexa conta, cada persoa que participa nestas actividades, envía unha mensaxe clara de que no noso municipio non hai espazo para a violencia. Animamos a cidadanía a participar activamente destes actos e mostrar así o rexeite e repulsa ante todas as formas de violencia, negacionismo e banalización das violencias contra a muller, que con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero conmemoramos en Foz”, destaca a concelleira de Muller e Igualdade, que remata comentando que “o cartel para anunciar estas actividades foi feito por un alumno do IES de Foz. Cada conmemoración do 25N e do 8M personalizaremos e visibilizaremos a concienciación do noso alumnado de todos os centros educativos, con temas tan relevantes na nosa sociedade. Toda vez que rexeitamos e condenamos a violencia de xénero, axuntando esforzos para erradicala e incidindo na importancia da educación en igualdade de xénero e a concienciación social”.