
A diocese Mondoñedo-Ferrol anuncia que a catedral mindoniense celebrará este venres, día 5 de decembro, ás 19.30 horas a inauguración do seu monumental belén, nun acto que incluirá o pregón a cargo de Valentín Insua, histórico campaneiro do templo mindoniense. O acto, aberto ao público, conta coa organización desde o cabido catedralicio e a colaboración do Concello de Mondoñedo e diversas entidades sociais e culturais da cidade. A bendición do belén faraa o bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos. Tras o pregón poderase escoitar un concerto de música do Nadal, grazas a colaboración da Asociación Sendeiriña de Mondoñedo, a cargo do Coro de Adultos do Conservatorio de Viveiro, na terceira edición do Festival Panxoliñas no Camiño. E como na edición anterior, os visitantes poderán disfrutar das alfombras florais de Nadal que prepararon os membros da Asociación de Alfombristas de Galicia.
“O monumental nacemento prepárase grazas á colaboración da Asociación de Belenistas de Mondoñedo. Durante as últimas semanas viñeron traballando durante moitas horas para instalar un dos nacementos máis grandes da provincia de Lugo. O ano pasado foron miles de persoas as que o visitaron e este ano espérase volver alcanzar a cifra. O nacemento está aberto ao público e pódese visitar no horario de apertura da catedral, que habitualmente é de 10 a 14:00 horas e de 17 a 20:00 horas”, explica a diocese, que engade: “a bendición e apertura do belén da catedral converteuse nos últimos anos nun sinal de identidade do Nadal mindoniense, unindo liturxia, tradición popular e vida cultural na contorna do casco histórico. Distintas figuras do mundo da cultura e da música galega teñen asumido o pregón en edicións anteriores, como o escritor e xornalista Ramón Loureiro ou o compositor ferrolán José Manuel Couce Fraguela, o que consolidou o acto como unha cita destacada no calendario navideño da diocese”.
O encargado de abrir o belén deste ano será Valentín Ínsua, “unha das figuras máis recoñecidas da catedral pola súa condición de campaneiro titular e polo profundo coñecemento que posúe do edificio e da súa historia. Procede dunha familia vencellada ás campás desde hai máis de oito décadas e é considerado un dos últimos campaneiros tradicionais de Galicia, responsable de conservar toques manuais únicos e de transmitilos ás novas xeracións. Valentín é un pregoeiro moi especial, non só polo que significa en Mondoñedo, senón porque co pregón alcanza a xubilación como empregado da catedral. Con esta designación o cabildo catedralicio quere agradecerlle o seu traballo de servizo ao templo nai da diocese. Tamén se organizou un xantar de despedida cos membros do cabido. Valentín comezou a subir ao campanario sendo un neno, acompañando ao seu tío, e co tempo asumiu o oficio que antes exerceran familiares seus, chegando a ser o único campaneiro en activo nunha catedral galega. Alén do seu labor nas grandes solemnidades litúrxicas, participa tamén en concertos e iniciativas de difusión do patrimonio campaneiro, onde explica a historia e a música das campás da seo, entre as que destaca a Paula da Asunción, considerada a campá máis antiga de Galicia e un auténtico símbolo da cidade. Ademais de campaneiro, Valentín Insua traballa como empregado da propia catedral, ocupándose de diferentes tarefas de apoio ao cabido e de atención aos visitantes, o que o converte nun dos rostros máis coñecidos para quen se achega ao templo”.


