Burela celebrará o seu terceiro “Día do Orgullo Mariñeiro” o 11 de decembro

A Fundación Expomar organiza a terceira edición do chamado Día do Orgullo Mariñeiro, que terá lugar en Burela e en toda a Mariña Lucense o xoves 11 de decembro.

A Fundación Expomar anuncia que “volve poñer en valor a importancia da cultura mariñeira de Galicia coa celebración do terceiro Día do Orgullo Mariñeiro, que volverá combinar o próximo xoves 11 de decembro a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar para chegar a tódolos públicos.

Esta acción está organizada pola Fundación Expomar coa colaboración do Concello de Burela e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, no marco das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca y Acuicultura (FEMPA).

“O Día do Orgullo Mariñeiro é unha festa que nace da Fundación Expomar hai só 2 anos, pero está perfectamente arraigada no pobo de Burela e de toda A Mariña Lucense, porque representa o sentir da xente cara unha forma de vivir mirando ao mar e a pesca”, asegura a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López.

A Fundación Expomar explica que “como xa é habitual, o día comezará de novo nos comedores de diferentes centros de ensino e servizos sociais da Mariña Lucense, onde se servirán máis de 1.000 racións de pota da lonxa de Burela nos seus menús diarios. A segunda parte da xornada celebrarase pola tarde no auditorio da Casa da Cultura de Burela, coa charla-coloquio titulada A muller e o mar, coa participación de distintas mulleres vinculadas aos oficios do mar: armadoras, estibadoras, redeiras e Administración. Este acto público completarase coas intervencións da presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, e da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, que clausurará a xornada cultural.

A parte musical do acto na Casa da Cultura de Burela contará coas actuacións especiais Cantiños da Osa do Mar, a cargo do Grupo infantil da SCR Ledicia, Arumiños ACM Arume e Blood Skeleton.

“E, como é habitual, o broche final deste Día do Orgullo Mariñeiro celebrarase na carpa da Praza da Mariña de Burela, onde, a partir das 8 da tarde, comezará a celebración gastronómica popular, con ambientación musical e unha degustación gratuíta de receitas elaboradas con diferentes especies da lonxa de Burela. Para evitar as aglomeracións de anos anteriores, este ano limitarase o aforo no interior da carpa. O acceso seguirá sendo gratuíto, pero para poder entrar haberá que dispor de tícket de entrada, que se repartirán de balde durante o acto na Casa de Cultura”, remata a Fundación Expomar.